Monday 06 de May de 2024

A Laracha acollerá o domingo a fase local do Torneo “Xogade” de Xadrez


Desde as 16:30 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha

A Laracha acollerá este domingo desde as 16:30 horas a fase local do torneo de xadrez Xogade, Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar, o programa de actividade lúdico deportiva promovido e financiado pola Xunta de Galicia co obxectivo de brindarlles a posibilidade aos escolares galegos de practicar diferentes disciplinas e competir cos clubs e colexios de toda Galicia.

O evento desenvolverase nas instalacións do baixo da biblioteca municipal da Laracha coa organización do Club Xadrez Arteixo e a colaboración do Concello.

Agárdase a participación duns 70 xogadores das categorías benxamín, alevín e infantil mixto representando a clubs e escolas municipais da Laracha, Arteixo, Carballo, Baio, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso. Por parte da Laracha competirán 12 rapaces.

Os participantes que resulten gañadores no torneo deste domingo clasificaranse para representar a Bergantiños na fase final intercomarcal que se disputará en Cambre o 29 de abril.